A tolerancia, como virtude social e filosófica, foi un piar fundamental no desenvolvemento das democracias modernas. Este concepto, tan defendido por Voltaire durante a Ilustración, está intrinsecamente ligado aos principios de liberdade, igualdade e fraternidade que guiaron tanto este movemento filosófico como a masonería. Porén, nun contexto contemporáneo onde rexorden movementos autoritarios e se cuestionan as liberdades individuais e colectivas, é necesario repensar o papel da masonería e reflexionar sobre como estas ideas poden guiar a nosa resposta fronte aos desafíos actuais.

A Ilustración, como movemento intelectual do século XVIII, propugnou a razón, a liberdade de pensamento e a igualdade entre os seres humanos. Estes principios son plenamente coincidentes cos da masonería e forman parte inherente da súa filosofía e prácticas. A liberdade, como dereito fundamental, é o alicerce sobre o cal se constrúe a tolerancia: aceptar as ideas e crenzas dos demais require un entorno no que cada individuo sexa libre de expresar os seus pensamentos. A igualdade establece que todos os individuos teñen o mesmo valor intrínseco, independentemente das súa diferenzas culturais, relixiosas ou ideolóxicas. Finalmente, a fraternidade impulsa un sentido de solidariedade e comprensión mutua, valores esenciais para a convivencia pacífica.

Voltaire, no seu «Tratado sobre a Tolerancia», sinalou que o fanatismo e a intolerancia son inimigos da humanidade e que só mediante a razón e a xustiza pode acadarse unha sociedade máis harmoniosa. Outros pensadores tamén contribuíron a esta visión: John Locke, en «Carta sobre a Tolerancia», defendeu a separación entre a relixión e o estado, argumentando que a fe é unha cuestión de conciencia individual. Kant sostivo que debemos tratar a cada persoa como un fin en si mesma, promovendo así o respecto mutuo e a dignidade inherente a cada individuo. Aristóteles, dende unha perspectiva clásica, na «Ética Nicomaquea» suxire que a virtude se atopa no xusto medio, suxerindo que a tolerancia require equilibrio entre a aceptación e o rexeitamento do que ameaza o ben común. O catalán Xaime Balmes, pola súa banda, mantivo que a tolerancia debe entenderse como unha virtude práctica, baseada no respecto mutuo e no diálogo, sempre subordinada á procura da verdade.

Para Baruch Spinoza, a tolerancia era un compoñente esencial da liberdade, pois só nunha sociedade onde se permita a diversidade de pensamento e expresión pode haber harmonía. Advertiu que as paixóns humanas, como o odio e o medo, son obstáculos para a convivencia e que só a razón pode superalos, xerando un espazo de tolerancia xenuína. O Aquinate salientou que a tolerancia debe ser exercida con prudencia, distinguindo entre os actos que poden ser permitidos en aras da paz social e aqueles que, pola súa natureza, atentan contra o ben común. Finalmente, John Rawls en «Teoría da Xustiza» salientou a importancia dun consenso entrecruzado en sociedades pluralistas, onde a tolerancia é fundamental para garantir a estabilidade e a xustiza.

A masonería, ao longo da súa historia, foi un baluarte na defensa das liberdades individuais e colectivas. En momentos críticos, os seus membros promoveron reformas democráticas, o laicismo ou os dereitos humanos. Neste senso, non debe interpretarse como unha «cova de magos», senón como un espazo onde se cultiva e fomenta o pensamento crítico e os valores cívicos. A súa misión educativa e filosófica busca formar cidadáns responsables e comprometidos co progreso colectivo. Así, a masonería non debe ser un espazo de mero ritualismo ou simbolismo esotérico, senón unha verdadeira escola de democracia.

O escocismo, como unha corrente profundamente filosófica dentro da masonería, fomenta a formación de cidadáns comprometidos cos valores da democracia, da xustiza e da tolerancia, permitindo que a sociedade mellores a través do desenvolvemento ético e moral dos seus individuos. Ao inculcar estes valores, a masonería pode actuar como unha ferramenta poderosa para combater a ignorancia, o fanatismo e a intolerancia que ameazan a nosa sociedade. Mediante o diálogo, a reflexión e a aprendizaxe continua, os masóns son chamados a mellorar non só as súa propias vidas, senón tamén a das súa comunidades. Este enfoque é vital nunha era onde as democracias enfrontan ameazas tanto internas como externas. O obxectivo dunha Loxa debe ser a formación filosófica dos seus membros, para que interiorices estes valores e os proxecten activamente. Nas circunstancias actuais, a masonería pode e debe actuar como un espazo onde se cultive o pensamento crítico, o compromiso cívico e o respecto á diversidade, e onde a censura sería o peor dos pecados.

O ascenso de opcións políticas intolerantes e totalitarias, xa sexan neofascista, comunista ou calquera outro pelaxe, é unha das preocupacións máis urxentes. Estas correntes aliméntanse do medo, da desinformación e da polarización social, promovendo un discurso que busca dividir e debilitar os nosos valores. O discurso de odio ás minorías, a negación do pluralismo e os ataques ás institucións democráticas son características comúns destas forzas. No seu ensaio «Fascismo eterno», Umberto Eco identificou actitudes como o rexeitamento á diversidade, o medo á diferenza e a promoción dunha única forma de pensar, que desgraciadamente se atopan nalgúns dirixentes actuais. Karl Popper, en “Sociedades abertas e os seus inimigos”, suscita un dilema: “A tolerancia ilimitada leva á desaparición da tolerancia. Se estendemos a tolerancia a aqueles que son intolerantes, […] os tolerantes serán destruídos, e con eles a tolerancia». Este é relevante no contexto actual, onde os movementos intolerantes utilizan as liberdades democráticas para erosionalas desde dentro.

Neste contexto, debemos afrontar un problema que agrava a situación: a realidade dunha sociedade hiperconectada a través de Internet. As redes sociais asumiron un papel central nestas dinámicas ao converterse nun terreo fértil para a difusión de noticias falsas e discursos de odio. O anonimato e a rapidez coa que se difunde o contido nestas plataformas permitiu que actores mal intencionados manipulen a información para os seus propios fins. Isto non só debilita o debate público, senón que fomenta un ambiente onde a intolerancia e o fanatismo prosperan sen control, creando un caldo de cultivo perfecto para o auxe do totalitarismo como un dos principais motores da polarización da sociedade.

A masonería, como defensora da tolerancia e coa súa tradición de reflexión crítica, ten o deber de contrarrestar estas tendencias mediante a educación e a difusión dun discurso baseado na verdade, no respecto e na racionalidade. É fundamental que actuemos condenando e tomando medidas contundentes contra a palabra que menoscaba a diversidade e a liberdade de pensamento, preservando así os nosos principios. Pero non nos enganemos, a resposta ao florecemento do neofascismo, non pode limitarse á denuncia ou á protesta. Esixe unha acción activa que inclúa a educación en valores democráticos, o fomento do pensamento crítico e o fortalecemento de todas as institucións democráticas. A masonería, como espazo de reflexión e acción, debe proporcionar un lugar seguro onde se realicen estes obxectivos e onde o noso traballo se traduza na procura efectiva dunha sociedade máis xusta e equitativa.

Ademais, a masonería debe empregar a súa influencia, se aínda a ten, para tender pontes dentro e fóra da masonería entre distintos sectores da sociedade, promovendo o diálogo como ferramenta fundamental para superar a polarización. Nun mundo cada vez máis interconectado, e ao mesmo tempo máis desprovisto de pensamento crítico, é fundamental combater os intentos de restrinxir liberdades e dereitos mediante estratexias que inclúan tanto a acción local, desde as Loxas, como a cooperación global, a través da Masonería Universal.

Irmáns, a tolerancia, como ensinou Voltaire, é o fundamento dunha sociedade xusta e harmónica. Nun momento onde rexorden actitudes totalitarias é imperativo que a masonería e outros actores sociais con un espírito semellante asuman un papel activo na defensa das liberdades e a promoción de diálogos construtivos. Só asumindo este compromiso poderá asegurarse un futuro onde o legado da Ilustración, do que somos case os únicos depositarios, prevaleza sobre a intolerancia e o autoritarismo.

Xoán C. Mejuto, M:.M:.